sábado, 28 de septiembre de 2019

LUCY, A NOSA DEVANCEIRA

LUCY, A NOSA DEVANCEIRA

Lucy, a famosa Australopithecus afarensis, devanceira dos humanos modernos, vivía fai 3,18 millóns de anos na actual Etiopía. Trátase dun dos especímenes máis famosos pola súa importancia na árbore da evolución humana e agora, grazas a un estudo da Universidade de Texas en Austin (Estados Unidos), sabemos algo máis sobre ela: probablemente caeu dunha árbore moi alta e morreu rapidamente.  
Os investigadores escanearon o 40% do esqueleto de Lucy. Grazas a estas imaxes puideron observar que o extremo do húmero dereito está fracturado. A lesión era compatible cunha fractura de húmero proximal en catro partes, causada por unha caída desde unha altura considerable que Lucy tentou parar estirando o brazo. Ademais observaron outra proba: a fractura da primeira costela, o cal cadra perfectamente cunha caída desde esa altura. Pero, por que estaba subida a unha árbore antes de morrer? Ao ser pequena –medía pouco máis dun metro e pesaba uns 27 quilos- debeu buscar refuxio nocturno nas árbores, lonxe de predadores que poderían acabar coa súa vida, e pola razón que fose caeu da árbore.

domingo, 26 de noviembre de 2017

500 ANOS DA REFORMA PROTESTANTE EN EUROPA

Para entender a orixe do protestantismo hai que repasar a historia de Europa do século XV e XVI. Para financiar a construción da basílica de san Pedro no Vaticano, o Papa León X mandou predicar unhas indulxencias, que permitían reducir as penas polos pecados a cambio de diñeiro. Un monxe alemán profesor de teoloxía na universidade de Wittenberg chamado Martín Lutero, en 1517, denunciou estas prácticas e colgou na porta da igrexa desa localidade as súas 95 teses sobre as indulxencias, que eran unha dura crítica sobre o tema. Desafiaba a autoridade do Papa, cuestionaba a forma de vida da xerarquía eclesiástica e propoñía unha volta aos valores orixinais da igrexa. Era o inicio da Reforma.
Para obter máis información pulsa sobre a imaxe que aparece a continuación: