Os arqueólogos que
traballan no xacemento de Amiens-Renancourt, atoparon unha
sorprendente Venus do Paleolítico Superior temperán, do período
gravetiense (unha fase da cultura Perigordiense), duns 23.000 anos de
antigüidade. É a décimo quinta figura descuberta neste xacemento
que foi, quizais, un taller orientado a esta produción.
O xacemento prehistórico
de Renancourt en Amiens (Somme) data do Paleolítico Superior e foi
descuberto en 2011. As escavacións comezaron en 2014. Caracterízase
por unha concentración de restos moi ben conservados, a unha
profundidade de 4 metros baixo o chan. Datado polo carbono 14 fai uns
23.000 anos, atribúese a unha fase recente da cultura gravetiense
que se desenvolveu en Europa fai entre 28.000 e 22.000 anos. O
xacemento de Amiens-Renancourt é hoxe un dos testemuños da
presenza do home moderno (Homo sapiens) no comezo do Paleolítico
Superior no norte de Francia. A diversidade e abundancia de restos
ilumina as diversas actividades que se realizaban neste campamento de
caza. Apareceron puntas de proxectís, coitelos, raspadores, etc. O
consumo de carne de cabalo está testemuñado por un gran número de
restos óseos. Algúns xogos de xoias tamén están presentes,
incluíndo unhas orixinais arandelas de pedra perforada. En plena
glaciación, este campamento de cazadores gravetienses estaría
ocupado durante algunhas semanas, ao final da tempada de verán, no
outono.
Esculpida en pedra, de 4
centímetros de altura, esta «Venus» é esteatopigia, é dicir, de
grandes glúteos, coxas e peitos. Os brazos son simplemente
esbozados, a cara representada sen trazos.
A función ou mesmo o significado destas figuras
paleolíticas segue sendo obxecto de debate. Os investigadores cren
que representaban a fertilidade.