Ninguén soubo prever o desastre. Desde o final da Gran Guerra, a economía norteamericana coñecera un desenvolvemento extraordinario e os prezos das accións experimentaron unha alza sen límites aparentes. Millóns de persoas investiron os seus aforros nunhas accións que, calquera que fose o seu prezo, sempre aumentaban de valor. Todo iso, unido á facilidade de acceso ao crédito que ofrecían os bancos para entrar nese mercado produciu unha burbulla especulativa que parecía non ter fin. O Crack do 29 foi a súbita picada dese globo. O primeiro día de pánico, o "xoves negro", 24 de outubro de 1929, millóns de ordes de venda non atopaban comprador. Ao final da xornada, a intervención dos grandes bancos evitou que o desastre fose maior. Pero á seguinte semana, a desconfianza volveu apoderarse dos investidores que correron a desfacerse dos seus títulos ao prezo que fose para conter as perdas. O resultado final foi a desaparición de grandes fortunas e a ruína de millóns de pequenos investidores, que perderon todos os seus aforros e, mesmo, a súa vivenda, e que se viron abocados á peor e máis longa crise coñecida ata entón: a Gran Depresión.