miércoles, 4 de diciembre de 2019

VENUS DE RENANCOURT


Os arqueólogos que traballan no xacemento de Amiens-Renancourt, atoparon unha sorprendente Venus do Paleolítico Superior temperán, do período gravetiense (unha fase da cultura Perigordiense), duns 23.000 anos de antigüidade. É a décimo quinta figura descuberta neste xacemento que foi, quizais, un taller orientado a esta produción.
O xacemento prehistórico de Renancourt en Amiens (Somme) data do Paleolítico Superior e foi descuberto en 2011. As escavacións comezaron en 2014. Caracterízase por unha concentración de restos moi ben conservados, a unha profundidade de 4 metros baixo o chan. Datado polo carbono 14 fai uns 23.000 anos, atribúese a unha fase recente da cultura gravetiense que se desenvolveu en Europa fai entre 28.000 e 22.000 anos. O xacemento de Amiens-Renancourt é hoxe un dos testemuños da presenza do home moderno (Homo sapiens) no comezo do Paleolítico Superior no norte de Francia. A diversidade e abundancia de restos ilumina as diversas actividades que se realizaban neste campamento de caza. Apareceron puntas de proxectís, coitelos, raspadores, etc. O consumo de carne de cabalo está testemuñado por un gran número de restos óseos. Algúns xogos de xoias tamén están presentes, incluíndo unhas orixinais arandelas de pedra perforada. En plena glaciación, este campamento de cazadores gravetienses estaría ocupado durante algunhas semanas, ao final da tempada de verán, no outono.
Esculpida en pedra, de 4 centímetros de altura, esta «Venus» é esteatopigia, é dicir, de grandes glúteos, coxas e peitos. Os brazos son simplemente esbozados, a cara representada sen trazos. 
A función ou mesmo o significado destas figuras paleolíticas segue sendo obxecto de debate. Os investigadores cren que representaban a fertilidade.

sábado, 28 de septiembre de 2019

LUCY, A NOSA DEVANCEIRA

LUCY, A NOSA DEVANCEIRA

Lucy, a famosa Australopithecus afarensis, devanceira dos humanos modernos, vivía fai 3,18 millóns de anos na actual Etiopía. Trátase dun dos especímenes máis famosos pola súa importancia na árbore da evolución humana e agora, grazas a un estudo da Universidade de Texas en Austin (Estados Unidos), sabemos algo máis sobre ela: probablemente caeu dunha árbore moi alta e morreu rapidamente.  
Os investigadores escanearon o 40% do esqueleto de Lucy. Grazas a estas imaxes puideron observar que o extremo do húmero dereito está fracturado. A lesión era compatible cunha fractura de húmero proximal en catro partes, causada por unha caída desde unha altura considerable que Lucy tentou parar estirando o brazo. Ademais observaron outra proba: a fractura da primeira costela, o cal cadra perfectamente cunha caída desde esa altura. Pero, por que estaba subida a unha árbore antes de morrer? Ao ser pequena –medía pouco máis dun metro e pesaba uns 27 quilos- debeu buscar refuxio nocturno nas árbores, lonxe de predadores que poderían acabar coa súa vida, e pola razón que fose caeu da árbore.