lunes, 28 de febrero de 2022

GUERRA EN UCRAÍNA

Rusia é a nación máis grande da terra. O seu territorio esténdese desde o leste de Europa ata o extremo de Asia. Durante boa parte do século XX, Rusia existiu dentro dun estado aínda máis grande que se chamou a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS). Ese estado naceu en 1922 cando, despois da Revolución de 1917, o Imperio dos tsares de Rusia se desfixo e un número importante de países xurdiron das súas cinzas: Polonia, Estonia, Letonia ou Lituania, pero tamén outros como Ucraína e Xeorxia e, por suposto, a república de Rusia.

Rusia converteuse no primeiro Estado socialista do mundo. Estaba dirixida polos bolxeviques (comunistas), liderados por Lenin, un partido antiliberal e antidemocrático. Cando a Rusia bolxevique se consolidou, comezaron a atacar aos países que a rodeaban. Nuns poucos anos, Rusia invadiu e recuperou moitos dos territorios que perdera e incorporounos á URSS. Un deles foi Ucraína, un territorio moi amplo do que unha parte quedou en mans de Polonia.
Na Idade Media existiu un primeiro estado ucraíno, a Rus de Kiev, que tamén se considera o inicio de Rusia. Cando, no século XVIII, Rusia se converteu nun imperio, case toda Ucraína quedou nas súas mans. A cultura e o idioma ucraíno foron menosprezados e perseguidos durante moitos anos. As elites culturais ucraínas loitaron por unha autonomía no imperio e, cando este se afundiu tras a revolución rusa, tentaron crear un Estado independente.

Anos despois da incorporación á URSS, as políticas de Stalin levaron ao país a unha gran fame negra, chamada Holodomor (1932-1934), na que morreron millóns de ucraínos.

Durante a Segunda Guerra Mundial, os nazis invadiron a URSS e provocaron unha enorme destrución en Ucraína, asasinando a millóns de persoas, incluíndo a case toda a poboación xudía. Ucraína foi un dos escenarios do Holocausto. Unha parte dos ucraínos colaborou cos nazis e outra parte loitou contra os invasores nazis e conseguiu expulsalos do país, xunto co exército da URSS.

Co tempo, Ucraína dentro da URSS recuperouse e chegou a ser un dos territorios máis importantes da Unión. Tiña unha gran industria e era considerada como o celeiro do país: producía unha gran cantidade de trigo e pan. Cando en 1991, tras moitas tensións, a URSS se disolveu, os países que a compoñían fixéronse independentes. Ucraína tamén votou, nun referendo masivo, a favor da súa consolidación como Estado propio.

Ucraína é un país moi grande, onde case a metade da poboación ten como lingua materna o ruso e séntense vinculados a Rusia. Unha parte da poboación é partidaria de integrarse na Unión Europea e occidentalizarse, outra é prorrusa. 

Aproveitando unha crise política en Ucraína en 2014, con manifestacións e violencia nas rúas, Vladimir Putin ordenou ás súas tropas invadir a península de Crimea, que formaba parte de Ucraína, e anexionouna. Tamén impulsou levantamentos en dúas provincias fronteirizas con Rusia (Donetsk e Lugansk, na rexión de Donbás), que converteron esa parte do país nunha zona de guerra.


Durante anos a tensión entre os dous países foi crecendo. Rusia acusou o goberno ucraíno de ser ilegal e de apoiarse na ultradereita. Co tempo, Rusia incrementou a presión e levou aos seus exércitos á fronteira con Ucraína. Ata este 24 de febreiro de 2022, cando Vladimir Puin decidiu lanzar as súas tropas desde diversos puntos da fronteira, bombardeando cidades, aeroportos e vías de comunicación por terra, mar e aire.

Para moitos rusos, Ucraína segue sendo un territorio moi ligado a eles, algo que tamén pensan moitos ucraínos. Pero os rusos tamén consideran a Ucraína un “irmán menor”. Non aceptan que os ucraínos poidan dirixir os seus propios destinos e decidir o que queren. Para Putin e parte dos políticos rusos representa unha humillación que Ucraína siga o seu propio camiño na política internacional. Hai que ter en conta que o actual goberno de Ucraína pretende entrar na OTAN e na UE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario