miércoles, 10 de diciembre de 2014

domingo, 9 de noviembre de 2014

A FRAGMENTACIÓN DO MUNDO ANTIGO E O INICIO DA IDADE MEDIA

A ALTA IDADE MEDIA

FIN DO IMPERIO ROMANO DE OCCIDENTE

No 476 o emperador Rómulo Augústulo foi deposto, polo que o Imperio romano deixa de exisitir en Occidente. Os Bárbaros ou "extranxeiros"foron uns dos culpables da súa caída. En teoría, son os que se atopaban fóra das fronteiras do Imperio. Normalmente eran  federacións de pobos xermánicos que tiñan unha economía gandeira que evolucionou cara a agricultura.
Os xermanos síntense moi atraídos por Roma. Non só realizan incursións fronteirizas, hai tamén un asentamento pacífico dentro do Imperio. A Lei de Hospitalidade que, no 398, promulgaron Arcadio e Honorio implicaba o reparto de entre un e dous tercios das terras fronteirizas entre os bárbaros que se asentaban nelas a cambio de defender o Imperio (foedus ou tratados).
As razóns polas que se produciu a invasión violenta son diversas: a necesidade de mellores terras que solucionasen o problema do excedente demográfico e a presión exercida polos pobos máis orientais, entre os que destacan os hunos, que obrigou aos pobos máis próximos ao Imperio a penetrar nel pola forza, son as máis destacadas. Os primeiros foron os visigodos, que, tralo seu éxito na batalla de Adranópolis, no 378, asentáronse no Imperio. No 406 produciuse a maior entrada de pobos: suevos, vándalos e alanos. Máis tarde irrumpen os burgundios, os anglos, jutos e saxóns. Entrado o século V, os francos instálanse na Galia e os ostrogodos en Italia. Alí, no século VI, un novo pobo moito máis violento substituiraos, os lombardos.

OS REINOS XERMÁNICOS

Unha vez producidas as invasións, os xermanos organízanse politicamente nos lugares nos que se asentan, xurdindo múltiples estados da disgregación imperial. 
A súa organización política era moi simple. O seu xefe era un caudillo militar elexido pola asemblea de homes libres, que estaba rodeado por un grupo de fieis, o comitatus, vinculado ao xefe por lazos persoais. 
A progresiva asimilación de elementos romanos e do Cristianismo foi modificando sensiblemente as súas ideas políticas. Así, o caudillo militar foise convertindo en rei pola graza de Deus, e o seu poder xa non emanaba do pobo, senón da procedencia divina. O principio electivo xermánico para a sucesión foi substituído, pouco a pouco, polo da herdanza.
Os estados máis importantes que xurden en Occidente trala desintegración do Imperio foron:
  • A Galia Merovinxia: A antiga Galia foi ocupada polos francos, confederación de pobos que remataron por expulsar aos visigodos do sur da Galia no 507.
  • A Hispania visigoda: este pobo instalouse na Península Ibérica co consentimento de Roma, para expulsar aos suevos, vándalos e alanos; conseguiu sometelos e estableceron a capital en Tolosa a medio camiño entre España e Francia. Os francos obrigáronos a repregarse á Península, instalando a súa capital en Toledo. Figuras destacadas serán os monarcas Leovigildo, que afianzou o dominio sobre a Península, e Recaredo,  un rei que se converteu ao catolicismo e abandonou a fe arriana. O reino visigodo verá o seu fin coa invasión musulmana no 711
  • En Italia, os ostrogodos formaron un estado moi romanizado. Posteriormente os lombardos constituirán un estado feble e dividido en múltiples ducados.
  • As Illas Británicas coñeceron as invasións de bretóns, jutos, anglos e saxóns; os dous últimos serán os pobos máis importantes.
A administración territorial sufriu unha paulatina disgregación: os duces (duques), caudillos militares, deixaron de representar ao rei e obtiveron cada vez máis poder no territorio que gobernaban.
O Dereito abandona o compoñente romano e orientase cara o xermánico, basado na tradición oral, nos xuízos de Deus e na compensación monetaria aos delitos. 
A desaparición dos vínculos xurídicos públicos co Estado e a súa substitución por unhas relacións privadas e persoais, vai ser o fenómeno que domine politicamente toda a Alta Idade Media.