jueves, 28 de noviembre de 2013

A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL

A partir do século XVIII iníciase en Europa un proceso de cambio económico chamado a revolución industrial. Este cambio producirá a desaparición da sociedade tradicional baseada no rural e controlada pola nobreza e a aparición da sociedade moderna, baseada na industria e no control doutra clase social, a burguesía. É a orixe da nosa sociedade actual.

Non só foi un cambio económico senón que provocou a transformación da vida dunha época: clases sociais, demografía, mentalidade, costumes...

O inicio da industrialización. encóntrase na Inglaterra de mediados do século XVIII, onde por vez primeira se empezan a utilizar novas fontes de enerxía e novas máquinas que producen unha gran mellora na produtividade industrial.

lunes, 25 de noviembre de 2013

AS REVOLUCIÓNS BURGUESAS

As revolucións burguesas iniciaronse a finais do século XVIII coa  Independencia das trece colonias británicas na costa Leste de América do Norte e o nacemento de EE.UU,  ainda que a Revolución Francesa foi a principal e o modelo seguido polas seguintes. Foron procesos dirixidos pola burguesía contra o absolutismo monárquico e as clases privilexiadas (nobreza e clero). As causas principais das mesmas foron:
  • O descontento de todos os grupos sociais que forman o Terceiro Estado pola desigualdade nos dereitos e a pobreza xeral. A burguesía (clase con alto nivel económico e cultural) foi o grupo do Terceiro Estado máis descontento cun sistema que o excluía do poder, asfixiábao a impostos e freaba o seu enriquecemento. 
  • As ideas da Ilustración Francesa (Rousseu, Voltaire e Montesquieu) que rexeitaban o sistema vixente. 
O obxectivo das revolucións burguesas foi rematar coas estruturas do Antigo Réxime e implantar un estado liberal (sistema político constitucional que establece a igualdade ante a lei dos cidadáns e os seus dereitos individuais -vida, propiedade, liberdade, pensamento, etc.; pero a burguesía é quen controla o poder grazas ao sufraxio censitario), unha economía capitalista (liberdade da actividade económica -de industria, de comercio, de traballo, etc. - e propiedade capitalista da terra) e unha sociedade de clases na que as diferenzas se establecen segundo a riqueza, non baseadas no nacemento como na sociedade estamental.